A chegada das ferramentas revolucionou a vida da humanidade, que comezou a contar para a súa supervivencia e desenvolvemento con eficaces medios complementarios dos seus propios membros. A súa evolución foi constante no tempo pasando desde as primeiras de madeira, pedra ou óso ás de cobre, bronce e ferro, até chegar aos complexos útiles actuais.
Na idade media xa estaba moi estendida en España a obtención e o tratamento do ferro o que foi posible pola abundancia de xacementos e bosques que proporcionaban o combustible necesario. Neste contexto desenvolvéronse os ferreiros artesáns, que fabricaban gran diversidade de ferramentas en pequenas cantidades destinadas ao consumo local, como aixadas, gadañas, cravos, tixolas, teazas, martelos, cazos, potas, …, así como varandas e balcóns de ferro forxado, algunhas incluso personalizadas cos símbolos ou apelidos propios da casa que os encargaba.
A instalación básica dun ferreiro consistía nun fogar construído con pedra arenisca dun metro a metro e medio de ancho por outro tanto de fondo e un setenta centímetros de alto no que se acendía un lume alimentado con carbón vexetal. A combustión activábase con aire inxectado por un fol de entre un e dous metros de longo construído con táboas e coiro que se accionaba normalmente desde a proximidade da fragua, cunha longa pértega colgada do teito que facía de panca. Unha zafra ou bigornia situada no centro da habitación, sobre un groso tronco de árbore e un recipiente de pedra contendo auga para arrefriar as ferramentas completaba a instalación. A todo iso había que engadir un banco de traballo e unha gran cantidade de teazas, mazos e martelos, necesarios para a manipulación dos produtos fabricados.
Tratábase dun duro oficio, no que as barras e lamias de ferro utilizados como materia prima se quentaban no lume até alcanzar a temperatura de forxa para posteriormente darlle a forma necesaria por medio de golpes con martelos accionados polos artesáns, despois,e cun útil pequeno ían golpeando sobre a peza no lugar adecuado, chegando, en ocasións, a golpear tamén coas mans. A invención do martelo a vapor e despois o martelo neumático facilitaron en grande medida o traballo destes artesáns.
En Ourense, onde hoxe está a praza das Mercedes, atopábase a escola de artes e oficios, onde se formaban os distintos artesáns. Este oficio que, como moitos, debido ao abandono do campo e á industrialización, hoxe redúcese a reparar apeiros de labranza, o que fai que os poucos que aínda quedan estean practicamente sen sucesores.
Agardamos as vosas fotos e comentarios sobre os ferreiros artesáns e as pegadas que deixaron ao voso derredor!!!
Deixe o seu comentario