Di a voz dun dicionario editado en 1817 que o gaiteiro é o que ten por oficio tocar a gaita, e que tamén se aplica aos vestidos e adornos de cores demasiado sobresaíntes e unidos con extravagancia ou a persoas ridiculamente ledos, que empregan chistes pouco correspondentes á súa idade ou estado.
Nos inicios deste oficio creativo e trobadoresco, máis que formacións coma as que agora vemos de grupos, cuartetos ou bandas, había un único gaiteiro, que era o que facía festa no pobo, e, de se había sorte, ata era acompañado por unha pandeireta improvisada, feita dunha peneira á que se lle engadían unhas ferreñas para facer ruído, ou por un acordeón de botóns, os máis afortunados. Moitos e moi bos eran os contos sobre os seráns e festas improvisadas dos nosos devanceiros. Probablemente ese bo sabor de boca que nos deixaban, fixo que aínda hoxe se intenten manter esas tradicións a través dos fiadeiros, os cantos de taberna ou os seráns.
Moitas son as coplas tradicionais que reflicten as fases polas que foi pasando a consideración social da figura do gaiteiro, desde unha persoa imprescindible para a celebración das festas patronais, ruadas e foliadas, ata caer, no século XX, coa chegada das orquestras, no maior dos desprestixios. A consideración do gaiteiro por aquel entón era directamente proporcional ao grao de ruralidade e inversa á altura do estrato social:
Ehí vai o gaiteiro
deixalo pasar,
que vai tocala gaita
coa ronda do lugar.
A miña sogra sanou,
malia a salú feiticeira,
que se ela lle non viñera
tiña unha vida gaiteira
Para pobre aprendo a xastre,
para rico a zapateiro,
para putañeiro, crego,
e para borracho, gaiteiro.
Hoxe aínda quedan algúns gaiteiros que van tocando polas feiras en busca dunhas moedas, que me dis, coñeces algún?
Deixe o seu comentario