Tentaremos hoxe, na nosa achega aos oficios galegos, non ser máis longos que un día sen pan.
E si, como de seguro xa vos imaxinaredes, acudimos ao refraneiro non de forma aleatoria, senón porque imos falar de pan. Concretamente do oficio de panadeiro. A Real Academia Galega dinos que o panadeiro é aquela persoa que se dedica a facer ou vender pan. Certo!…pero o feito de que hoxe en día o pan fresco sexa un ben de consumo habitual nas nosas casas, non significa que sempre fose así, e, como tal, tampouco é igual o xeito en que se elabora.
Hoxe existen moitos pans elaborados de xeito industrial, moitos incluso xa precocidos, que acaban por se rematar de preparar na despensa que os vende ao consumidor final ou que mesmo os prepara este na casa. Eso supón que o oficio de panadeiro unha evolución importante.
Séculos atrás, os poucos que tiñan a sorte de dispor de trigo, millo ou centeo, levábano a moer aos muíños, propios ou do veciño, para poder facer fariña, que despois, entre outros usos, se empregaba para facer pan, normalmente unha bola tupida, sen case ollos, feita en forno de leña, que podía durar días, ate quincenas.
Os que realmente saben do tema, opinan que hoxe en día o pan faise moi rápido, antigamente había que amasar a man, deixar a masa dúas horas para que levedase, meter un cacharro de auga quente no forno para que fixese vapor, e só despois diso, meter as bolas de pan, feitas a man unha a unha. Era un pan de boa calidade, máis acedo, polo tipo de masa e porque levaba menos fermento (de aí que apenas tivese ollos), feito normalmente por homes, que eran os que se encargaban da leña, de facer o pan e do reparto, mentres elas traballaban no campo.
Comezábase a traballar ás 20:00, facendo o fermento, despois durmían dúas ou tres horas, e retomaban o traballo ás 23:00 ou 0:00, tarefa que se podía estender ate as 7:00 horas. Despois había que repartir o pan, axudados por bestas e carros, polo que as persoas que se dedicaban a este oficio adoitaban a durmir moi pouco. Os anos máis duros foron os da posguerra, o oficio daba para comer e pouco máis, non se pagaban seguros, e había racionamento. Había que romper a fariña e despois tamizala para facer o pan de ración. A fariña estaba dura pola humidade, e, nalgúns casos proviña do estraperlo, pan que se adoitaba a vender ás agachadas.
Hoxe en día temos moi bos pans galegos, como o pan de Mondariz ou o Pan de Cea, este último con denominación de orixe e todo. Atopamos moitas variedades, como a fogaza, a rosca, a barra ou a bola, todas elas caracterizadas por unha cortiza dura e crocante, de cor desde dourada a marrón escura, con miga alveolada e irregular, textura esponxosa e sabor lixeiramente acedo e aromático. Aínda que cada tipo de pan posúe a súa fórmula propia, todos se elaboran seguindo os seguintes pasos: amasado, reposo, división, reposo en bola, formación da peza, reposo en peza, cocción, enfriado e envasado e etiquetado.
Algunha curiosidade ou experiencia a engadir?…agardamos tervos aberto o apetito ao coñecemento dos oficios e da nosa tradición!
Deixe o seu comentario