SAÚDO DO DIRECTOR
Benvidos a Escola Profesional Santo Cristo!  Para os que non me coñezades, chámome Carlos, e son o director da que a partir de agora se converterá na vosa escola: a Escola Profesional Santo Cristo.

Con este acto de presentación iniciaremos o que serán nove meses de aprendizaxe, traballo, convivencia e relación. Nove meses nos que iremos xestando os futuros profesionais nos que vos acabaredes convertendo nun futuro non moi lonxano. Para iso ides contar cun equipo de profesores e profesoras que nos comprometeremos a que acadedes tódalas habilidades, coñecementos e capacidades que ides precisar para poder desenvolvervos con éxito en cada un dos ámbitos profesionais que elexístedes estudar.

cursopresentacion

A través da montaxe fotográfica que se foi proxectando nesta pantalla mentres iades accedendo a este Salón de Actos, queriamos presentarvos dun xeito gráfico, o ambiente e a razón de ser desta Escola. Unha Escola comprometida con tres aspectos moi concretos:

  • Por una lado, e como ben dixen antes, darvos a formación adecuada no ámbito profesional que cada un de vós elixiu para este curso escolar.
  • Por outra banda, a formación en inglés (un dos idiomas máis demandados entre os traballadores de calquera empresa, tanto nacional como europea) polo que ides ter a vosa disposición unha Escola de Inglés (que vola presentaremos nun acto específico unha vez iniciadas as clases) na que poderedes preparar os exames para a certificación de nivel a través do prestixioso Trinity College…Pero tamén vos beneficiaredes de ter, durante un tempo, un profesor/a nativo na Escola, xa que fomos admitidos nun programa europeo de Estancias Profesionais para Centros.
  • O noso terceiro compromiso é coa solidariedade, a través de varias campañas que faremos ao longo do curso. Unha delas consistirá na recollida de alimentos non perecedoiros que doaremos ao Banco de Alimentos de Ourense e a aquelas familias do entorno da Escola que o precisen. No mes de febreiro faremos unha Campaña solidaria especial onde vós seredes os principais protaganistas, e na que o recadado irá destinado a unha organización sen ánimo de lucro (da que vos informaremos no seu debido tempo).

Moitas cousas vos esperan nesta Escola e ao longo deste curso. Depende de vós o espírito co que as afrontedes, que eu desexo que sexa de entusiasmo, colaboración e implicación. Contade comigo e co conxunto do profesorado do centro para axudarvos a acadalo.

Grazas!