No mes de Novembro, a castaña recupera a importancia que o millo e a pataca lle arrebataron nas lareiras galegas hai varios séculos.  Nestes días réndeselle culto ó Magosto, aínda que este ano non hai tanta cantidade por mor da seca.

 

O Magosto, era o tempo que os galegos reservaban para dar grazas polas colleitas;  unha costume que nestes últimos anos se intenta recuperar.

 

A castaña mentres é asada convida a compartir con familiares e amigos as horas nocturnas alumeados polas faíscas da lareira e a luz das lapas baixo o ceo raso. 

 

Para asalas colócase sobre o chan a foupa, agulla de piñeiro, toxo ou loureiro e enriba dispóñense as castañas, que serán cubertas por un novo manto de foupa. Préndese o lume na capa de abaixo, que será a que sinale o ritmo da celebración, en canto se apaguen as lapas indicará que as castañas están listas para comer. Con viño, chourizos e pan remata o suculento menú, e a sobremesa póñena os xogos, os contos de ánimas e monstros e a latricada. 

 

Os nenos e as nenas e os non tan nenos, collerán un puño de cinza e tisnarán as caras de uns e outros; tamén lle tocará a algúns adultos. Entre carreiras, berros, tonas de castaña, anacos de chourizo, charlas e grolos transcorrerá esta noite especial que, doutra volta en torno ó lume, tenta irmandar ó galego cuns devanceiros ós que segue unido polo vencello da tradición.