Presentámosvos  un oficio que foi moi frecuente na nosa contorna, hoxe practicamente  extinto debido aos cambios non só económicos e sociais, como adoita a acontecer, senón tamén lexislativos e de hixiene  que experimentou a sociedade.

Modificada a partires dunha orixinal de www.delcampe.net

Leiteiras galegas de Santiago de Compostela

A figura da leiteira, como moitas outras relacionadas co agro e a gandería, era tradicionalmente feminina. Tratábase de mulleres que se dedicaban a vender o leite que obtiñan, ben do seu gando, ou ben do gando do veciño, neste segundo caso normalmente previa contraprestación económica. Normalmente gardábase o estritamente preciso para a familia e co resto da produción, acudíase ao mercado para obter unhas moedas que permitisen o acceso a outros bens de que carecían como pezas de xabón, fío, lá ou tecidos.

Coa gran diversidade de formas de distribución comercial que nos podemos atopar na actualidade, parece impensable que, de xeito artesán e tradicional, existan familias con gando que, lonxe de producir para o seu propio consumo, o dediquen tamén á venda.

Na actualidade os gandeiros, ben a través de explotacións familiares ou de cooperativas, fan de Galicia o maior produtor de leite do estado español, pero eses gandeiros, que antes producían e vendían sen intermediarios, hoxe fannos chegar a súa materia prima a través das grandes leiterías (en Galicia temos importantes nomes como Río, Feiraco ou Celta), que son as que se encargan de que o procedemento siga os estándares de calidade, así coma os rigorosos controis de salubridade e hixiene.

Estatua da leiteira, Ourense.

Non obstante, o ir e devir dos ciclos económicos, parece que intentan facer rexurdir o agro e gandería tradicional galegas a través da promoción dos produtos ecolóxicos. Nun momento no que a agricultura convencional desta época sofre un claro retroceso, a eclosión da agricultura ecolóxica aporta un raio de esperanza ao rural galego. Empresas coma Loureiro ou Casa Grande de Xanceda, tentan, seguindo os estándares e lexislacións actuais, comercializar produtos ecolóxicos obtidos da forma o máis artesanal posible. Aínda así, fannos chegar os seus produtos a través das superficies comerciais, o que non parece deixarnos ver que, xunto con eles, vaia rexurdir a figura das leiteiras, que temos inmortalizadas nunha das principais rúas da nosa cidade.

Quedamos á agarda das vosas opinións sobre este tema, así como as vosas experiencias ou as de algún familiar que tivese contacto coa figura das leiteiras!